Saturday 04 de May de 2024

Feijóo destaca a importancia dos campamentos de verán para conciliar e que a rapazada se coñeza entre si e coñeza Galicia


Sinala que a primeira quenda dos campamentos se desenvolveu con plena normalidade e coa máxima seguridade
O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia dos campamentos de verán da Xunta para conciliar e que a rapazada se coñeza entre si e coñeza Galicia. “Estamos a falar dunha razón para que as familias poidan conciliar, dunha razón para que as rapazas e rapaces poidan coñecerse entre si e dunha razón para coñecer Galicia”, subliñou.
Durante unha visita ao campamento de verán do albergue xuvenil Marina Española en Bergondo, no que se aloxaron nesta primeira quenda 35 nenas e nenos, Feijóo resaltou o labor fundamental que cumpren estes centros na planificación de todas as familias.

Por outra banda, o titular da Xunta en funcións sinalou que a primeira quenda dos campamentos se desenvolveu con plena normalidade e coa máxima seguridade. Un obxectivo acadado, dixo, grazas a que a Administración autonómica, en colaboración cos profesionais sanitarios e cos do tempo libre, deseñou un protocolo específico para campamentos e albergues xuvenís.
Deste xeito, reducíronse os aforos nun 50%; extremouse a limpeza e a hixiene; as chegadas dos nenos estanse a facer de xeito escalonado; todas as familias están a enviar unha declaración responsable de saúde; compuxéronse subgrupos de participantes cun máximo de 15 persoas; e impartiuse formación previa para todo o equipo de profesionais dos campamentos. Ademais de incrementarse a proporción de monitores, multiplicándose por cinco.
Así mesmo, e para compensar a redución do número de prazas, Feijóo destacou a posta en marcha de novas actividades como os campamentos de cociña e outros con temática aeronáutica, tecnolóxica ou de coidado do medio ambiente; novas instalacións, como as residencias xuvenís de Lugo e Ourense ou as residencias de tempo libre de Patos (Nigrán) ou O Carballiño; e minicampamentos de cinco días, unha iniciativa pioneira que se desenvolve en establecementos turísticos e que está a ter un grande acollida, con máis do 90% das prazas cubertas.
Despois desta primeira quenda, nos vindeiros días chegarán aos albergues e campamentos xuvenís galegos novas rapazas e rapaces.